IX Romaría do Lecer

94 millóns de burradas

Vaia por diante que non sei cómo vai rematar este post, porque non sei moi ben o que con el pretendo dicir. Só vos podo explicar que nacío cunha mezcla explosiva de millóns de €uros, Brugal con Coca-Cola, fotos, bágoas diante dun televisor e, sobre todo, moita, moita paixón.

Diante do teclado atópome agora mesmo coma House nun dos seus delirios habituais, sen saber moi ben o que busca pero tendo en conta que ten unha meta por acadar. A miña, agora mesmo, é que cheguedes a enteder o que quero dicir (e non vai ser doado). Vaia por diante que, aínda que teño un blogue exclusivamente futbolístico, este post non cadraría nel porque hai demasiadas sensacións como para centralas nunha pelota.

Confirmábase hai uns días a fichaxe de Cristiano Ronaldo polo Real Madrid (algo xa coñecido dende facía moito tempo), e mentres moitísima xente no mundo morre de fame (xa non entro no tema da crise), Florentino Pérez vaille arriar ó seu homólogo do Manchester a cantidade non despreciable de 94 millóns de €uros. Pola súa banda, o de Madeira embolsará durante 6 tempadas a tampouco despreciable cantidade de 9 millóns de €uros limpos de pó e palla cada ano. E despois quéixanse os xogadores de fútbol cando dende as bancadas se lles chama “mercenarios”, pero atendendo ó que fan, e vendo que non son máis que pura mercancía, non sei por qué atopan ese término tan ofensivo.

Pois no medio desta resaca de burradas, atopábame onte cun bo amigo nun coñecido bar da miña zona, bar que se está a converter na miña terceira casa (a segunda tamén a coñecedes), tomando unhas copas. O meu compañeiro de batalla non tiña a moral demasiado alta, así que as conversas tiraron cara portos coñecidos por calquera persoa do mundo: o futuro, ilusións na vida, momentos importantes… E nun momento, e mentres conversábamos acerca dunha tatuaxe que o meu amigo ten nunha perna (compartido con outros dous bos amigos meus), botei unha ollada á parede. Alí estaba colgada unha foto a tamaño grande dun dos momentos máis importantes da historia do deportivismo. Arsenio Iglesias, o raposo de Arteixo, era sostido no aire polos xogadores do Dépor, e na súa man ía a primeira Copa do Rei da vida blanquiazul. Voltei a aquel 27 de Xuño do 1995, voltei a ver a Alfredo (que non Alfredinho) voando para case tocar o ceo de Madrid e marcar un dos goles máis importantes da historia. Os ollos case me reventaban da cantidade de bágoas que acumulaban, pero nen unha soa se derramou. O meu compañeiro xa tiña d’abondo con aguantar da súa moral como para, aínda por enriba, acompañalo eu chorando, algo que, ademáis, non entendería. Así que aguantei. Ás 4 da mañá abrín a porta da casa e despois de lavar os dentes metinme na cama con aquela foto na cabeza.

Erguinme hoxe coa intención de cruzar Galiza co meu compañeiro da noite anterior, pois así o acordáramos entre cubata e cubata, pero ó final o plan cancelouse, e o único que cruzamos foi a piscina de Elviña dun lado a outro unhas cantas veces. Despois… paso pola sauna e ducha, que nos deixou preparados pra ir comer algo.

Cheguei a casa a eso das 4 da tarde e emborqueime no sofá a durmir un anaco, pois aínda tiña sono retido. Abrín os ollos hai un anaco e a televisión estaba na canle 2 da TVG. E de súpeto… retornei ó bar.

Estaban emitindo a repetición da gala anual de Galicia en goles, o programa da Radio Galega, e alí estaba el outra vez. Acompañado de Pahíño, Arsenio Iglesias recibía o premio a toda unha lenda (ou algo polo estilo). O premio en sí tanto me tiña. O que me resultaba curioso era cómo cunhas horas de distancia, se me volvía presentar diante a mesma persoa.

Emitiron un video dos mellores momentos de Arsenio (entre eles, o da foto do bar) e cando rematou non puiden senón vaciar as bágoas que acumulara onte á noite mailas que o propio vídeo me producira a medida que avanzara. Porque el, Arsenio, foi, sen dúbida algunha, o mellor adestrador que tivo o Deportivo na súa historia, co único borrón de que os títulos non lle acompañaron como sí fixeron con outros que non o merecían nin a metade do que os merecía el. Porque de Arteixo chegou unha grandísima persoa que eu, pola miña idade, comecei a ver en Riazor cando os 90 aínda non chegaran, e que soubo tratar cos futbolistas, pero sobre todo coa xente. Fíxose un oco no corazón do paisano que lía os xornais no bar acompañado dunha cunca de Ribeiro, no corazón da parroquia blanquiazul, no corazón d’A Coruña.

¿Que por qué conto todo esto? Porque ás veces, cando vexo o que temos hoxe e o que éramos hai anos, non podo senón pensar que calquera tempo pasado foi millor. Tempos no que as emocións, a ledicia, a tristura, os sorrisos e as bágoas non facía falla pagalas con 94 millóns de burradas, senón que podían chegar elas soas dende, por exemplo, Arteixo.

Un saúdo para todos e… VÉMONOS NOS BARES (centros de cultura)

Pola língua

O galego que non fala

na língua da súa terra

non sabe o que ten de seu

nin é merecente dela.


(“
Da vella roseira“, Victoriano Taibo)

Mañá 17 de Maio celebraremos o Día das Letras Galegas manifestándonos en Compostela en defensa do noso idioma. Porque o Galego é a nosa columna vertebral, o idioma que nos une. Vén canda nós, para expresarmos, todas e todos xuntos, que queremos vivir en Galego.

Adherímonos, así mesmo, ao “Manifesto pola Convivencia Lingüística e a Igualdade de Dereitos para o Galego“, promovido por A Mesa pola Normalización Lingüística.

Minorías absolutas

Dende que coñecín os finalistas da Copa do Rei de fútbol deste 2009, tan só había unha cousa que me intrigaba para ese partido, e non era o resultado, posto que ca tempada que levaba feita o Barcelona, tiña claro o desenlace do partido, por moito que meu pai diga que os partidos hai que xogalos, que duran 90 minutos, que o fútbol é un deporte inxusto, e bla bla bla…
E xa que poño esto por diante, preguntarédesvos qué era o que me intrigaba. Pois, sen lugar a dúbidas, era o momento no que o Rei do estado español accedera ó palco presidencial do Estadio de Mestalla e soara o himno dos españois.

Se o partido o xogasen o Betis mailo Atlético de Madrid (por poñer un exemplo), non tiña dudas de que o himno se respetaría como bos españois que son os siareiros dun e máis do outro equipo. Pero estando polo medio xente de Euskal Herria e de Catalunya, xa non o tiña tan claro. Bueno… de feito, sabía que ía acontecer o que aconteceu. Pero co que non contaba era con que a Televisión Española (esa que pagamos todos, queiramos ou non), a televisión pública, fixera o que fixo. Non vou entrar en detalles posto que de seguro que todos os que ledes esto estades fartos de ver as imaxes por televisión.

Normalmente, cando o reloxo marca as 12 da noite, escoito o programa “El Larguero” da Cadena SER. Non é porque me guste o seu presentador, nin por suposto polos seus contertulios (madridistas aférrimos todos eles). Simplemente é por tradición, porque o levo escoitando tanto tempo que non son quen de imaxinar unha noite sen ese programa. Pois ben, o director do programa, José Ramón de la Morena, comentaba que os asubíos cando apareceu o Rei e soou o himno foron unha minoría, e que moita xente dentro do estadio non lle fixera boicot. Realmente non sei en qué canal tiña posta a televisión este personaxe, pero negar semellante obviedade é como dicir que a coca-cola é branca.

Á TVE chovéronlle as críticas dende tódolos medios de comunicación, incluso dende o Goberno e, durante a mañá de onte, era destituído do seu cargo o Director de Deportes, Julián Reyes, por non emitir o himno en directo e, non contento con eso, metelo no descanso totalmente manipulado. Cando vin semellante atrocidade, non puiden senón lembrarme da escena da Super Bowl cando Janet Jackson mostroulle ó mundo a súa teta.

As miñas preguntas agora son:

1.- Se os que asubiaban eran UNHA MINORÍA… ¿Por qué tanto medo? ¿Por qué se censurou a escena do himno e, con moi pouca vergoña, se repetiu no descanso do partido botándolle a culpa do sucedido a un “error humano”?

2.- Se, como nos queren vender, estamos nun estado democrático e existe a liberdade de expresión… ¿Por qué se censura o “momento himno”? ¿Polos asubíos? ¿Pero non estábamos nunha democracia e existe a liberdade de expresión? Pois os asubíos non son máis que unha opinión LIBRE da xente, e como tal hai que respetala.

3.- ¿Por qué os vascos e os cataláns son españois cando interesa, se lles critica por asubiar o himno español, e despois, domingo tras domingo, dende bancadas como a do fondo sur do Bernabeu, son “catalanes de mierda”, “etarras”, “vascos hijos de puta”, e non “españoles de mierda” ou algo polo estilo?

Se cadra, o que ocorre, é que estamos ante minorías ABSOLUTAS.

"Operación Truño"

O seguinte texto está extraído do número 1667 da revista “El jueves“, e está asinado por Pepe Colubi, periodista e escritor que ten a súa propia columna semanal, chamada TeleTipo, na devandita revista.
Póñoo aquí para tod@s vos porque me pareceu, simplemente, extraordinario.

EL REGRESO DE LOS ATROCES CLONES CANTORES.

Los nuevos concursantes de Operación Triunfo lloran a moco tendido cuando se les anuncia su ingreso en el show, a pesar de que llevan años viendo que los triunfitos acaban en el arroyo. Vale que estos jóvenes horteroides sin experiencia en la vida se emocionen ante lo que consideran una oportunidad de oro, pero lo de esos padres al borde del infarto no tiene nombre: “Estoy muy orgulloso, tío, ¡muy orgulloso!”, gritaba uno de esos progenitores mientras le hacía a su hijo una llave asfixiante disfrazada de abrazo.

Sólo son bocetos de cantantes, y así seguirán porque no harán carrera en OT; alguno puede que participe en un reality cutre y otros quizás aparezcan en una serie juvenil o en algún cuerpo de baile, pero todos acabarán cantando en el metro, bebiendo vino de tetra brik y durmiendo en albergues municipales mientras se preguntan por qué Bisbal sí y ellos no.

Lembranzas actuais

5 días dan para moito nunha cabeza en ocasións demasiado pensante como a miña, aínda que xa se sabe que o refrán di que pensar é de burros. O caso é que estos 5 días paseinos, de mércores a onte domingo, en Corme, e de aí tiña que xurdir algo.
Volvín ó meu faiado, volvín sentir a grandeza do mar e do sol, a pasear polas súas rúas, a falar coas súas xentes… Pero sobre todo volvín a lembrar. E as lembranzas despertaron en min a necesidade de volver escribir algo despois de que o Entroido xa quede ben atrás e a Semana Santa me volva ter parado obligatoriamente.
Nunca se sabe onde un pode atopar inspiración pra escribir. Suso Lista, por exemplo, estou seguro que a atopa nos seus paseos ó muelle, e eu atopeina no sitio no que menos contaba.

Hai un lugar en Corme polo que pasaron todas as xeracións, absolutamente todas. A porta da Ayudantía (ou do que antes era a Ayudantía) foi sempre lugar de reunión. Ten un escalón onde sempre nos sentábamos (e antes ca min xa se sentara meu pai), e no que agora se reúnen rapaces máis pequenos. De ancho pode ter como moito 50 cm. Cando nós éramos da idade dos rapaces que agora se sentan alí, sabíamos que alí cabían tres cús dos nosos. Pois ben, este post de hoxe voullo adicar ó culpable de que o xoves volvéramos a sentarnos alí.

Isma (fillo de Mari de Jorge), Alex (cariñosamente chamado “Peke”, fillo de José de Baneira) e o que vos fala (o neto máis vello de Susa da Culilla) pasábamos por diante da Ayudantía despois de ir dar un paseo ó muelle, e o primeiro dixo as verbas máxicas: “Sentámonos aquí un anaco?”
Comprobamos que a pesar dos anos, e de que a porta non ancheara, seguíamos cabendo os tres sentados alí. E eso levounos de novo á nosa infancia…
Lembrámonos de cando a Fonte do Campo só tiña un picho (agora ten catro), de cando o quiosco aínda non o tiña Inma, das zapatillas que tiña Loló na ventana pra vender, dos comentarios da nai de Isma (“non quero verte sentado na porta da Ayudantía”), da sala de xogos, de cando Ricardo non nos servía alcohol, das festas que pra nós remataban como moi tarde ás 2 da mañá, do estreita que é a casa de Rosita de Isabel, e todas as trastadas que facíamos cando éramos pequenos.

Erguémonos despois de media hora alí sentados, e pra non variar a costume, e como no reloxo xa marcaban as 8 da tarde, fomos facer unha pequena ronda, que se alongou ata ben entrada a noite, e con miña nai preocupada porque non aparecín nin pra cear (feito que tamén se repetiría ó día seguinte).
Durante a ronda, cando estábamos na Torriña, chegou o segundo momento de lembrar. Desta vez, tocounos volver ás nosas primeiras saídas a Ponteceso, aínda que máis ca eso, lembramos todos os follóns que tivemos, e caín na conta de que a maioría foron provocados porque había mulleres polo medio (qué casualidade!). Agora vémolos dende a distancia no tempo e parécenos incrible ata os extremos ós que chegamos nalgunhas ocasións, e sobre todo, o inconscientes que podemos ser. E aínda así… qué ben o pasamos!

Moitos quintos despois da parada na Torriña e das lembranzas da Ponte, tocaríame ir pra casa. Deiteime na miña cama do faiado e volvín retroceder ó pasado. A miña memoria tiña o día alegre e traballador, e me levou a aqueles días de verán, a aquela vez na que casi afogo na praia do Osmo, ás fotos cos meus bisavós e avós, ás comidas de miña avoa Angelita coas amigas no Miramar, ós cantares da avoa Esperanza (este frente frentolán, estes ollos de perdís…), ás sidras e ós chupa-chups de meu avó no bar de Ricardo, a piscina desmontable das Forcadas, ós partidos de fútbol no Colexio e ós de beisbol na Ribeira, ás pateadas que nos metíamos pra ir ós jrois (moras, para os castellanitos), ás festas da espuma, ó bote-bote, ó rescate, e ó máis recente paso das 1000 pesetas ós 10 €uros…

Pero sen dúbida, o que máis me alegrou destes 5 días en Corme foi ver que os amigos que alí teño son para toda a vida. Somos coma unha grande familia, que nos xuntamos menos do que deberíamos e quixéramos, pero que cando o facemos é para lembrar que se somos amigos é porque houbo algo hai moito tempo que nos uniu, e que agardo nunca se rompa.

Hoxe, o meu post da ponte de San Xosé adícollo ós meus amigos do pobo, pero sobre todo a Isma, xa que se non fóra por el non me tivera sentado na Ayudantía, non voltaría ó pasado, e non tería escrito este texto. Vai por ti, amigo!

Un saúdo para todos e… VÉMONOS NOS BARES (centros de cultura)

Antroido 2009 (e xa levo 23)

Recén chegado do enterro da sardiña, e como non podía ser doutro xeito, teño a obriga de redactar o que deron de sí os pasados 6 días. Quizais debería dicir 12, xa que o Antroido comezou pra min unha semana antes do que agardaba, debido ó concurso de comparsas que se celebrou no Pazo da Ópera o día 15 deste mes de Febreiro ó que lle queda un suspiro.

O ano pasado “salteime” sen querer o post obrigado de despois do Antroido. Comentaba cos meus achegados que foi, senón o mellor, un dos 3 mellores Antroidos da miña vida. A pesar de que para os veteranos en idade da comparsa (e para os que se retiraron dela) sempre serei “o neno”, a miña relación coa xente mudou dun xeito especial, e eso repercutiu en todo o demáis. Pero como eso xa foi, vouvos falar destes días pasados, que os teño máis frescos.

Os Maracos, como non podía ser doutro xeito, estivemos no antes mencionado concurso de comparsas, cunha posta en escena digna de nós mesmos (digo esto porque a maioría dos lectores “activos” do blog sabedes como nolas gastamos). Entre os sorrisos da xente botábamos o foguete que daba comezo ó noso mellor momento do ano.
Porque Os Maracos somos eso, somos Antroido, somos festa, ledicia e diversión. E sin eso non podemos vivir. Pra vivir reprimidos xa temos todo o ano. E no tempo de Don Carnal facemos o contrario do que se pensa. Quitamos a máscara coa que vivimos o resto do ano e nos deixamos ver tal e como somos, sen ataduras nen vergonzas.

O venres xuntámonos todas as comparsas nunha carpa instalada polo Concello nos Xardíns de Méndez Núñez. Despois dunha ronda de pinchiños, a música comezou a soar. Despois dun anaco divertido, puxemos rumbo á zona dos viños. Como éramos poucos e nos levábamos a carroza, era moito máis sinxelo crear un clima familiar, así que dentro dos bares, e acompañados da guitarra e dunhas cuncas de viño, comezaron a sair esas cancións que sorprende que saiba xa que datan de moitos anos antes de que eu viñera a este mundo, pero que tamén forman parte dos Maracos.

O sábado quizais é o día que máis asomella a un sábado normal, exceptuando o desfile polos Cantóns, algo que ata hai dous anos se facía o domingo, é que agora deixa o derradeiro día da semana sen actividade algunha, o cal propicia que sexa o día máis tranquilo, e que este ano cubrín acudindo ó partido do Dépor fronte ó Valencia en Riazor, algo ó que os demáis membros da comparsa tamén ían acudir e que ó final quedou en nada.

Este ano, un grupo de valientes, repetimos a comida do luns, que propuxen o ano pasado nunha tarde na Cervecería. Entón soaba como algo de tolos, pois o luns de Antroido é o suficientemente duro saíndo ás 9 da noite como para alongalo e comezalo ás 2 da tarde, pero funcionou, así que este ano volvémonos xuntar para aproveitar ó máximo o tempo. En agradable compaña, despachamos un pouco de empanada de Bergondo, paella e carne en rollo con pataquiñas. Acto seguido, chegaron as cervexas, que terían un descanso durante unha entrevista que nos fixeron en Localia, e que continuaron (xunto co viño, os cubatas e algunha bágoa) durante toda a noite e ata ben entrada a mañá polas rúas da cidade. Sen dúbida algunha, o luns de Antroido é o día grande.

Eran as 8 da mañá cando me estaba deitando, e ás 12 xa me estaba erguendo. En Monte Alto, barrio choqueiro por excelencia, agardaba por min o que ó principio era unha homenaxe e que despois se turnou nun dos momentos máis bonitos e especiais que levo vividos nesta comparsa.
Era a 1 da tarde do martes cando se lle facía unha homenaxe a Canzobre, un dos mitos do Antroido coruñés, e media hora despois estabamos na rúa San José (polos Maracos coñecida como “a calle de César”) pra rendirlle homenaxe a dous choqueiros. Un deles, César, deixounos hai 7 anos. O outro, Palau, ex-concellal de Festas do Concello, en Outubro do pasado 2008.
Seguramente, eles dous, xunto con Canzobre e Nito, estarán formando unha comparsa aló onde se atopen.

O momento do que vos falaba chegou despois. Casa Odilo é un lugar mítico de Monte Alto, e ata alí nos desplazamos os poucos Maracos que aínda estabamos con vida despois da noite do luns xunto cos compañeiros de Monte Alto a 100 para tomar unha cerveciña pra resaca. Unha vez dentro, os amigos da devandita comparsa nos entregaron un folleto coas súas letras deste ano, e nos pediron que as cantáramos con eles. A guitarra de Wences, un home dunha idade avanzada pero que, como ten alma de choqueiro, semella un rapaz, comezou a soar e alí, nun lugar emblemático dun barrio emblemático, as voces de todos os presentes uníronse pra estremecer a este que vos escribe, que tamén se ve choqueiro de pro a pesares da miña xuventude.

Tras esto viría un xantar tamén especial (cuns poucos Maracos máis dos que éramos nas homenaxes), a xuntanza cos demáis no punto de encontro de costume, a típica subida á rúa da Torre, a foto de grupo (que como cada ano hai máis igrexas en obras, este ano tivo que ser na de San Andrés) e a derradeira cea do Antroido nun lugar que ultimamente frecuento bastante. Despois viría a volta “á casa” da nosa carroza, entre caras de tristeza e cansanzo.

Como vedes, un Antroido cos Maracos é distinto. É coma un traballo, cos teus horarios e todo. Hai pouco nos facían unha entrevista na que eu dicía que “é un xeito de vida”. Unha persoa especial pra min pode dar boa fe deso, pois este foi o seu primeiro Antroido con nós, e está sufrindo as consecuencias, sobre todo na súa gorxa.

Pero non quero rematar este post sen lembrarme dunha persoa da que xa falei un pouco máis arriba, e que pra min, dende moi pequeno, dende que ía acompañado á Cervecería por meu avó e meu pai, sempre foi especial. Toda a vida me saludou do mesmo xeito. “Arriba las manos”, me dicía no medio dun sorriso socarrón pero totalmente inocente. Nunca fun quen de erguerme o martes de Antroido pra ir á súa homenaxe, pero este ano fíxeno, porque realmente o merecía. El manexaba o seu propio calendario de Antroido. Para el, esta festa duraba dúas semanas máis que pro resto. Tampouco tiña límite de horario. Como lembra meu padriño, era quen de pasar días sen meterse na cama. “O Canto do Cuco”, tasca de Monte Alto que pechou hai un tempo, era a súa segunda casa, onde tiña o seu propio rincón, “O rincón de míster César”, o cal estaba adornado por fotos del, e que hoxe descansan no caixón da miña mesa. Era camareiro, era un Maraco, pero sobre todo era choqueiro. Este ano, o meu post de Antroido vai por ti, César.


Un saúdo para todos e… ide botando contas, que xa só restan 352 días para o seguinte.

Entre batzokis e flores

Deixar de facer o que debo
pra facer sempre o que quero
Din que a fe move montañas. A fe non sei, pero a música e, sobre todo, a mala ostia, móvenas fácilmente (se se me considera unha montaña, claro está)

ESKERRIK ASKO!

La chica del batzoki (live in Durango)

Euri tanta bakoitzean

Chinese…. merda!

Preferiría comezar o ano doutro xeito diferente do que o vou comezar, pero tiña pendiente, dende o pasado 23 de Novembro, unha especie de crítica musical que lle prometín facer a un bo compañeiro que me puxo como reto ser quen de escoitar o derradeiro disco de Guns ‘n’ Roses dunha tirada sen vomitar ou, directamente, morrer no intento.

Pasar 13 anos sen publicar un disco e re-aparecer o pasado Novembro cunha obra coma esta é para ir ó vindeiro concerto dos Guns e fusilalos un por un, porque “Chinese democracy” é, nun xeito suave de dicilo, unha auténtica e soberana merda. E se para min o é, que non son seguidor aférrimo do grupo, non quero pensar o que lle pode pasar pola cabeza a un auténtico fanático deles.

Claro está que os rapaces de L.A. teñen, dende hai moito tempo, unha barreira moi grande case insuperable que se chamou “Appetite for destruction“. Xuntar nun disco debut temas como “Welcome to the jungle” ou “Sweet child o’mine” é algo que está ó alcance de moi poucos. Guns ‘n’ Roses comezaba o seu camiño, e o facía dun xeito insuperable. Corría o ano 1987.
E hoxe, 22 anos despois, amosan con claridade que Axl Rose debería adicarse simplemente a cantar e deixarse de facer experimentos como productor, que a Slash nunca ninguén será capaz de substituílo, e que a banda en conxunto non está para trotes. Discos como “Chinese democracy” son quen de gravalos calquera dos millóns de grupos amateurs que hai polo mundo (sempre e cando lles poñan os medios técnicos e tecnolóxicos dos Guns, evidentemente).
Non hai unha mísera canción do disco que comece cun riff de guitarra, e a producción do disco é, simplemente, desastrosa. Recoñezo que de non ser por eso, quizais habería algunha canción que se salvaría do meu mazazo, pero aí é onde un grupo ten que interpoñer as súas ideas, e non venderse por catro pesos e, o peor de todo, vender tamén a millóns de seguidores por todo o mundo.

É moi triste comprobar que unha gran banda cae en picado por intentar facer algo que non lle pega. E é máis triste dicir que un disco de Guns non paga a pena nin perder o tempo en baixalo de internet.
Hai pouco lía na revista Rolling Stone unha entrevista a AC/DC na que Angus Young sentenciaba cunha frase que me quedou marcada:

“[...]nunca nos hemos olvidado de lo que hacíamos al principio. Vale, puede que ahora haya un poco más de melodía que al principio, sin llegar a ese rollo de chicos guapos, porque cuando grabamos algo y nos suena demasiado blando, lo ensuciamos. Pero el corazón de todo sigue siendo el rock. Somos una banda de rockanrol.”

Meu pai sempre di que un bo futbolista distínguese dun crack polo seu xeito, pola súa clase, e se se trata dun dianteiro, sempre di o mesmo: “un bo dianteiro define unha xogada de calquera xeito. Un crack chega a diante dun porteiro e lle pasa o balón por enriba, con clase, cunha limpa e preciosa vaselina. Eso é o que distingue un bo futbolista dun crack.”

Pois utilizando este simil futbolístico, Guns ‘n’ Roses deixaron de facer vaselinas pra pasar a fallar goles cantados. Mentres, outros como AC/DC poden pasar 8 anos sen publicar un disco, pero siguen definindo con clase, como o fan os máis grandes.

Un saúdo para todos e… VÉMONOS NOS BARES (centros de cultura)

Bye, bye 2008

Pospuxen o post de antonte que conmemoraba o 3º Aniversario deste blogue coa intención de xuntalo co resumo do ano, xa que dubido moito que, antes de que este cabrón do 2008 remate, volva escribir.
Pasaron xa 3 anos dende que abrín esta porta ó mundo, dende que vos permitín saber cómo penso, e case case o que penso. Tiven caídas nas que pensei deixalo, non voltar a escribir máis, gardar pra min mesmo as historias que me veñen a cabeza, pero polos ánimos que me fixéchedes chegar, tanto por este mundo da internete como persoalmente, continuei esta aventura que antonte chegou ós seus 1095 días.

Con esta que estou escribindo serán xa 164 entradas. Unhas malas, outras moi malas, e outras regulares, que son as que realmente mereceron a pena. Hai uns días botaba unha ollada á meirande parte delas, e o certo é que disfrutei moito.
Atrás quedan as historias do meu pantalón esgazado na Solaina, daqueles 90 minutos de chupa-chups que, mentres os redactaba, facían que as bágoas me percorresen a faciana ata caer rendidas no teclado do ordenador; os Xogos Olímpicos de Corme, as miñas conversas con San Xoan, a despedida do amigo Joan Capdevila, as cartas ó meu amigo invisible (ás cales non poño link porque foron 5 ou 6), as loubanzas á miña terra, as sensacións que o folclore galego despertaba en min, os 25 anos d’Os Maracos, o mal que se pasa cando unha persoa querida está lonxe….
Todas e cada unha das entradas do blog tiveron o seu motivo. Ou igual non, non todas, pero están aí, que é o que conta. E todas e cada unha delas forman xa parte da miña vida, e tamén de ti, que me estás a ler. Se hoxe este blog segue en pé é, sobre todo, pola túa culpa, pola vosa culpa, tamén dos que non me deixades comentarios pero mo dicides á cara. A todos vós… GRACIÑAS.

E como a todo porco lle chega o seu San Martiño, a este 2008 achégaselle o seu propio final. Atrás van quedar outros 365 días que meteremos na nosa conta corrente vital. Cada un faise vello ó seu xeito, pero todos remataremos no mesmo lugar.
Vaise un ano cheo de acontecementos e de triunfos importantes, sobre todo no eido deportivo.
O balón que o meu admirado Fernando Torres envía por enriba de Lehmann na final da Eurocopa, Rafa Nadal mordendo o trofeo de Roland Garros, Usain Bolt deixándose levar polo vento de Pekin, Gasol xogando a súa primeira final da NBA, Fernando Verdasco tirado no chan despois de vencer a Acasuso na final da Copa Davis ou Michael Phelps coas 8 medallas de ouro son das imaxes máis vistas neste ano que remata.

Pero se mo permitides, este resumo deportivo quero finiquitalo con tres imaxes. A primeira, por suposto, do meu Dépor. O domingo 27 de Xaneiro de 2008 quedará no recordo das 200 persoas que, coas correspondentes caras de resaca, nos xuntamos na Rúa Galera ás 12 da mañá e camiñamos cara o Hotel Finisterre, onde se concentraba un Dépor en horas demasiado baixas e que precisaba dun alento extra. Verdú, Filipe e Xisco asomados ás fiestras, contemplando aquel panorama único e que dende logo non agardaban. Bandeiras e bufandas ó aire. Porque se algo hai inquebrantable nesta vida, son os sentimentos, e o amor a unhas cores é o maior deles. A resposta dos xogadores no campo non quedou atrás. 3-1 ó Valladolid, o Dépor comezaba a coller aire, e o globo coruñés, un tempo despois, voltaría traer a Riazor aquelas noites con sabor europeo que hoxe estamos desfrutando de novo.

A segunda imaxe é unha das que aparecen no collage que hoxe ideei pra encabezar este derradeiro post de 2008. Fernando Alonso, subido enriba do seu Renault despois dunha carreira nocturna polas rúas de Singapur, cos brazos abertos como querendo falar co máis alá e berrar que sigue sendo o mellor piloto da parrilla da F1.
(Nota: se escribira este post hai uns días non podería celebrar que no 2011 vestirá de vermello Ferrari).

E a terceira imaxe coa que me quedo a traio dende Suiza. O grupo Saíñas participaba na Europeade de Martigny, e cando regresabamos de almorzar, collín un xornal gratuito dunha especie de expendedor. Abro as súas páxinas e me achego ata a sección de deportes e me invade a ledicia lendo: “Magistral coup double de Carlos Sastre à l’Alpe-d’Huez”, título ó cal acompañaba unha foto do ciclista de Leganés enfundado no maillot amarelo. O Tour, que lle prohibira a Alberto Contador participar, levaba outro pao máis en forma de “fresa española”, como as que tiran nas fronteiras. ¡Noraboa Carlos!

Pero este 2008 deixa imaxes moito máis importantes que as deportivas, e vou facer referencia a todas elas en forma de nomes, xa que senón, moi probablemente, acabaría este post co 2009 xa comezado. Barack Obama (o primeiro presidente de cor dos Estados Unidos e unha esperanza para o mundo), Ingrid Betancourt (a loita pola supervivencia), Mariluz (un exemplo claro de que podemos confiar máis nun billete de 3 €uros que na xustiza española), Txeroki (¿o comezo do final?), Carme Chacón (Ministra de Defensa e… ¿futura presidenta?)
Todos eles contrastan co extenso obituario deste 2008: Edmund Hillary, Paul Newman, Leopoldo Calvo Sotelo, Heath Ledger, Mikel Laboa, Miguel Núñez e Charlton Heston, entre moitos outros, abandoaron este mundo durante este ano.
E deixei a Javier Bardem sen nomear ata este momento porque o merece, aínda que só sexa pola súa familia. Oscar ó mellor actor de reparto, pero un Oscar ó fin e ó cabo. Teño a súa imaxe gravada na memoria, erguéndose da silla, cos puños en alto, mirando cara a súa nai (que casualmente facía o mesmo xesto) e fundíndose con ela nun soberano abrazo antes de que Javier recollese aquel trofeo a toda unha vida de sacrificio.

Mais sen dúbida a palabra de moda é CRISE. Unha crise que se viña vir, e que é a peor dende a Segunda Guerra Mundial. Suba de prezos, baixada dos soldos… ¿a onde se pretende ir así? O combustible dos coches chegando a prezos que nin os máis vellos lembraban, as colas do INEM máis longas que nunca, empresas que caen en quiebra, bancos que teñen que ser recuperados polos gobernos, hipotecas a 50 anos… Unha situación nada agradable e que nos pon, sobre todo ós máis novos, nunha situación bastante lamentable, xa que os contratos de traballo non é que sobren, precisamente.

En definitiva, rematamos o 2008 aínda peor do que o comezamos, por eso hoxe, dende aqui, quero desexarvos a todos os que me ledes o mesmo que hai uns intres me desexou unha gran persoa: que o 2009 teña preparado pra vós todo o que merecedes.
Grazas por seguir aí un ano máis. Prometo máis crónicas pro 2009, e seguiremos véndonos nos bares, así que tede coidado nas estradas se colledes o coche, que pasarei lista.

¡FELIZ ANO PRA TODOS!