15 anos en familia
Publicado por alfredinho | Arquivado en Sen clasificar

Non hai moito tempo, unha persoa bastante achegada a min dicíame que cos anos, por moi novo que te sintas, a túa cabeza comeza a mandar sobre o teu corpo, e non ó revés, como é habitual cando eres… pois eso… máis novo. As vellas costumes comezan a mudar: saír xoves, venres e sábado comeza a tornar en pouco habitual e máis innecesario, as borracheiras quedan apartadas a días contados, e un pub cheo de xente e coa música comercial demasiado alta antóxase vomitivo (aínda que pra min sempre fóse así). Entón comezas a buscar outros lugares, outras emocións, cousas coas que a túa cabeza e o teu corpo estén d’acordo ó unísono.
Hai uns meses descubrín un lugar especial. Un lugar que xa vos nomeei nunha crónica anterior. Un lugar non moi lonxe da miña casa, e onde nos fan sentir coma se estivésemos nela. Dende hai uns meses é o meu terceiro fogar. O primeiro, ben sabedes cal é. O segundo, ese onde paso horas, horas e máis horas sen mirar o reloxo, e sempre acompañado de xente que merecerían un post, ou dous… ou mil.
A miña terceira casa non é moi grande, pero o seu tamaño non importa. O seu rexente comparte algo de sangue comigo, e quizais por eso sempre o veredes cun sorriso na faciana. Nós, os “cinco magníficos” (Pablo, Isma, Edu, Many e servidor) deixámonos aconsellar por el hai unhas semanas e conseguiu que o pasado sábado fóse un día especial, quizais dos máis especiais dos últimos tempos, nos que a miña moral andaba arrastrada polo chan e os sorrisos que mostraba en 24 horas podía contalos cos dedos dunha man. Por eso, o sábado tituleino como o día da resurrección do que vos fala. Faltoume unha persoa importante, pero aínda así, outras 200 fixeron que a súa falla non a notase tanto.
O Chaflán, bar rexentado polo “primo” Rafa, estaba de aniversario. 15 anos ó pe do cañón, gañando adeptos e adictos, e eso había que celebralo. Ás 16:00 comezaba, puntual, o partido de solteiros contra casados. Os solteiros, con 5 fichaxes de Corme, que saímos máis baratos que o “lubricante” CR7, puxemos o noso grao de area pra que a humillación que o noso equipo sufrira o ano pasado, cando caeron por un condundente 9-1, non se repetira. Destacaron por enriba de todo Edu e Many, con dous goles cada un, pero Isma, Pablo máis eu tamén amosamos a nosa calidade no terreo de xogo. A pesar de todo, os solteiros caemos por 7-6, con honra, e loitando contra xogadores de moito nivel e contra os fallos arbitrais.
Acto seguido, chegou a hora de que os casados cobraran o seu premio, e os solteiros tivemos que pagar as cervexas de rigor no templo coruñés. E con tan só un cuarto de hora de marxe, subín a casa a poñerme “elegante” pra cea de despois. Fixemos a foto oficial dos aniversarios do bar, e puxemos rumbo (en bus, que tamén nos traería de volta) ó restaurante.
Podería describir toda a cea, pero non remataría hoxe. Entre o postre e o café, Rafa deleitou ós presentes cunha proxección de fotos no bar destes 15 anos de vida do Chaflán, onde a algún costoulle bastante poder aguantar ás bágoas. Rematada a proxección, e cos asistentes postos en pé, procedeuse á entrega de premios do partido de fútbol e do torneo de pádel. O capitán dos solteiros era o “speaker”, así que Edu colleu protagonismo e recollío a copa, que pouco despois nos encargaríamos de encher con ron e coca-cola. E para dar a nota, e como todo o mundo nos ten que coñecer aló onde imos, os de Corme deleitamos ó personal cantando “La burrita“, himno oficioso (que non oficial) do pobo máis querido da Costa da Morte. E aí comezou a festa, que se prolongou até o momento no que o sol comezaba a saír.
Moitas anécdotas, moita xente descoñecida que acabou sendo como da familia, moita música, moito baile, moitas risas e, pra qué mentir, moitos cubatas.
Un día especial pra un lugar especial. Un lugar onde me alegro de ir seleccionando certas cousas da miña vida, lugares, emocións… Onde a “familia do Chaflán” (como a Rafa lle gusta dicir) ten a súa casa, e que tivo, na canción que vos deixo a continuación, a súa particular e emocionante banda sonora.
PARABÉNS CHAFLÁN!
Soando: Insurrección (Manolo García e Miguel Ríos)






